O Cruceiro de Xirazga
- Xesús Gulías Lamas
- 18 ene 2017
- 3 Min. de lectura
O cruceiro de Xirazga, é unha obra mestra, coma todas as obras de Pepe da Pena, a pesar das dificultades coas que se atopou, debido ó tipo de pedra co que está realizado, xa que foi elaborado con granito da zona de Xirazga, de gran excesivamente groso, o que lle dificultaría de xeito moi sensible, a calquera escultor, unha perfecta talla. Está chantado na parte norte do adro da igrexa parroquial de San Salvador de Xirazga e é coma un canto á elegancia, onde as liñas e os perfís se subliman para facer, arredor dunha vara e dunha cruz, un canto a varios pasaxes da Biblia.

O fuste, no primeiro tramo, de arranque cadrado, coas arestas baquetoneadas, lava tallas no rebaixe de cada cara. Nunha o cáliz e a columna; noutra o látego e as tenaces; na seguinte, o martelo, un corazón e tres cravos para rematar coa lanza, a cana co hisopo e a escada. Xa un pouco máis arriba, coma se acabara de nacer o mundo, sobre as peañas do paraíso, aparecen, a un lado Adán e ó outro Eva, que colle na man a mazá que lle entrega a serpe, que está formando parte integrante da árbore da vida, como signo do mal e do pecado, para que Adán a coma e, deste xeito, se contamine a humanidade, neles representada.
Onde a vara se fai octogonal, tamén sobre peaña, está un santo da raza dos cruceiros galegos, que forma parte da familia franciscana, ó que tanta devoción se lle ten na Terra de Montes. Este San Antonio non ten o Neno Xesús no colo, posiblemente porque lle partira polo que tivo que poñerlle o brazo pegado ó corpo e cunha especie de palma na man. Esta posibilidade, lémbrame, o que me dicía a min nunha ocasión o meu amigo Vilas, de Lalín, cando estaba tallando en Beariz, A Muller e a Filla do Emigrante: “Vou intentar poñerlle o brazo en alto, pero se me rompe, métolle a man da faldriqueira”. Algo así lle debeu pasar neste caso a Cerviño.
Á mesma altura, pero no reverso da vara, tamén sobre peaña modulada, vai unha Verónica, vestida coa simpleza das obras de Cerviño, onde as roupas caen polo seu propio peso sobre o chan e so a capa se atavía con dobreces onduladas, que lle dan á figura, unha gran elegancia. A cabeza da Verónica, lixeiramente erguida e ladeada, ten a vista mirando ó ceo, mentres que coas dúas mans mostra un gran pano no que aparece o rostro de Cristo en alto relevo, de finísimas proporcións e exquisito acabado. De aquí para riba, a vara convertese en cilíndrica, para darlle descanso ó capitel.
O capitel, de estilo corintio, con volutas nas arestas e follas carnosas dobradas ó exterior, está decorado na parte alta da cesta cunha cabeciña de anxo en cada unha das caras. A cruz, cilíndrica con nodosidades, presenta pola cara meridional unha imaxe de Cristo de excelentes proporcións, perfecto acabado e coas liñas do corpo moi marcadas, o que denota por parte do autor, un excelente coñecemento da anatomía humana. Ten o rostro sereno, perfectamente rematado, cunha coroa de espiñas exquisitamente trenzada. A imaxe está suxeita á cruz por catro puntos, presentando na parte superior un gran baleirado e cunha caveira ó pouco do arranque. Polo reverso, presenta a imaxe da Dolorosa cunha espada cravada no corazón. Ten as mans cruzadas en alto e leva un vestido, con caída sinxela e sen complicacións, ó correr do corpo, e sobre o lombo, unha fermosa capa con dobreces onduladas en diminución. Vai pousada sobre peaña modulada cun anxo no apeo.
Toda esta marabilla, vai montada sobre un pedestal, de perfil modulado, colocado sobre tres chanzos de escaleiras e na cara meridional, podemos ler o seguinte: SE HIZO POR EL PARROCO D. MANUEL CARBALLAL. 1896.
Para saber máis de Xesús Gulías Lamas consulta o seu blog en http://cruceirodexirazga.blogspot.com.es/
Comments