A eira da Ermida en Filgueira (Cerdedo)
- Redacción
- 2 may 2017
- 2 Min. de lectura
-Aquí en Filgueira eramos corenta veciños e había corenta e cinco hórreos.
A mellor hora para falar nas aldeas galegas é nos seráns, nestes seráns de raios longos que xa van chamando polo outono, cando as vellas sentan nos bancos de pedra e non hai homes aos que atender ata a noitiña.Aquí na aldea de Filgueira, un remoto lugar do concello de Cerdedo, na miña querida Terra de Montes, as vellas rin e falan moito.

A Eira da Ermida é un lugar singular. Ao carón dunha modesta capeliña do século XVIII, nun altiño, concéntranse vintecinco hórreos deses corenta e cinco dos que nos falaba a vella. O resultado é como unha pequena aldea de cabazos. Construíanos alí para evitar a humidade; o millo secaba antes porque os frescos ventos que baixaban do vento pegábanlles mellor.
-E ese é o val da Quireza -dime a vella amosándome unha fermosa extensión que baixa con bosques e prados, famoso acocho durante a Guerra da Independencia das partidas de resistentes e das hostes de Cachamuíña. A vella recita:
Lalín ten o Deza, Despois está o Trasdeza, pero o mellor é o val da Quireza
Rímonos.
- Será -dígolle.
Un home coa camisa aberta e pelo abundante cano sube ata o banquiño de pedra. As vellas queren ilustrarnos coas glorias locais.
-¡Mágoa que non viñerades o día da festa! Temos aquí unha carreira moi principal!
É certo que non se lle pode negar a orixinalidade. O primeiro domingo de setembro na aldea de Figueira hai unha carreira de carros, pero como doutro xeito. Non tiran vacas nin bois deses vellos carros, reliquias dese pasado agrario gardadas nos alpendres para esta ocasión anual, senón homes, que remontan como vacas suorosas a costa da aldea ata os hórreos.

-Vostede aínda ten lombo para participar -dime unha das vellas catándome as anchuras. -Este ano só correron dous: un veciño, o Avelino, e mailo cura, que é un chavaliño de trinta anos-asegura a outra. -Gañou o cura -puntualizou o home picarón-, pero así calquera. Para competir, o Avelino non fixo o amor coa muller en toda a semana, e así chegar fresco á carreira. Pero claro, o cura, como leva de abstinencia todo o ano, arrasou con el! -Ei, se me deixan, ata veño o vindeiro ano a gañarlle ao cura -dígolle eu.
O vello apúntame co dedo.
-Pois vaite poñendo a réxime de mulleres.
As vellas rinse. O vello rise. Sole rise e eu tamén.

Estou ben nesta aldea da Filgueira. Unha das mulleres levántase e amósame Castro Diz, as casas dos mouros, dominando o vello e guerrilleiro val da Quireza.
-Os homes trouxeron toda a pedra deses mouros para aquí, cargando os carros, cantando, para fundaren as nosas casas. -E os cazadores atoparon neses montes -e vese unha escura espesura de carballos e fragas- unha pía moi grande.
Dúas murallas aló no alto debúxanse por debaixo da capa de toxeira.
Volveremos a Filgueira.
Comments