top of page
  • Redacción

Santo Domingo (Xirazga)


A capela de Santo Domingo (como así é coñecida nesta terra), está chantada no medio da carballeira do mesmo nome, actualmente dividida por unha estrada con asfalto, que comunica Doade con Soutelo de Montes, xustamente no derradeiro ou primeiro monte, segundo se mire, da Serra do Suído, entre o Pico do Costoia (890 ms.) e o Outeiro Grande (848 ms.) Na parte suroccidental da carballeira áchase unha enorme mámoa, profanada con anterioridade e tratada de recuperar e restaurar recentemente.

Os primeiros dias do mes de agosto de cada ano multitude de romeiros acuciados polas dores de cabeza, as herpes, os “coxos”, a reuma, o rapaz tarda e falar e moitos outros males misteriosos que non se curan andando camiños de médicos, cheos de tristura por ter a vaca ou o porco doente, esperanzados, acoden ao Santo Domingo de Xirazga para que lles alonxe e lles libre de pestes e males estraños.

As primeiras novas que temos dunha capela neste lugar datan do ano 1607, e débenselle ó cardeal Gerónimo del Hoyo, onde relata que “…en la parroquia de San Salvador de Girasga hai una hermita de Santo Domingo en un monte”.

Posiblemente nada queda da construcción da que nos da conta o cardeal del Hoyo, porque no ano 1797 dan comezo as obras de reedificación da capela actual, que durarán, as da primeira fase, ata o ano 1802, para rematar definitivamente no ano 1857.

A edificación é de estilo barroco popular. Abre na fachada occidental unha porta rectangular coas xambas rectas e orelleiras. Sobre esta, unha fornela que acubilla unha imaxe de San Domingos, labrada en pedra. Todo o paramento está enmarcado entre dúas pilastras rematadas en pendóns con bólas e unha imposta en cimacio como tornachoivas na parte superior dos muros e no fronte leva dúas ménsulas con tacos.

No centro érguese a torre de planta cadrada con dous corpos. O primeiro presenta catro arcos de medio punto moi peraltados, onde no frontal se acubilla unha pequena campá; os demais baleiros. O segundo corpo, de base octogonal abre tamén catro arcos de medio punto e remata nun pequeno casquete coroado por un pendón cunha cruz de ferro no ápice. Únese á fachada por medio dunha cortina que vai colga da parte superior. Toda esta edificación é de granito concertado de gran moi groso.

Os muros da nave, fabricados en perpiaños de lousa, primorosamente picada, abre unha fiestra rectangular a cada lado, enmarcadas en granito. No muro sur hai unha porta travesa cegada e polo lado norte, que leva acaroada unha construción moderna, de fábrica escandalosamente fea, serve como casa de obra, venda de cera e outros pormenores.

A ábsida rectangular, lixeiramente máis ancha ca nave, únese a esta directamente e leva no testeiro, de construción máis baixa, a sancristía, que nos lembra a igrexa de Cerdedo, lugar de procedencia, como veremos máis adiante, de varios mestres desta obra. Abre a ambos lados, sendas fiestras que iluminan o interior do presbiterio e presenta un par de grosos contrafortes que arrancan dende o chan, moi anchos para rematar en diminución. A cornixa é de granito con moldura en cimacio. A sancristía polo lado sur abre unha porta e no lintel leva unha inscrición: AÑO D 1821, cos números enmarcados.

No interior, a capela presenta planta de cruz latina con catro tramos e cos brazos recortados. Os dous primeiros tramos corresponden á nave, onde no máis occidental vai a tribuna; no terceiro vai o cruceiro e no cuarto o presbiterio. Accédese a este por medio dun arco de triunfo, rematado en aresta viva. Paralelo a este hai outro arco faxón da mesma directriz, arrimado ó muro do testeiro. Ambos apean sobre pilastras cos ábacos en cimacio e estas, sobre ribancos, todos rematados en aresta viva. Ós dous lados do testeiro ábrense sendas portas que dan acceso á sancristía, e este presenta no resto do paramento, un retablo de pedra policromado de dous corpos, separados por unha imposta de tacos e un friso ataviado con elementos vexetais.

Cada corpo componse de tres panos. O pano central do inferior, consta de dous pares de columnas monolíticas cilíndricas, capiteis xónicos e bases de perfil ático que sustentan un templete, ó xeito de fornela na que descansa o Santo Patrón. Os panos laterais levan sendas peañas ataviadas na parte superior con cunchas. O pano central do corpo superior leva tamén un templete sostido por un par de columniñas monolíticas cilíndricas con capiteis tamén xónicos que enmarcan unha fornela. A ambos lados do ápice, dous anxos mutilados.

A actual obra, salvo pequenos arranxos e algún engadido (por certo desastroso), deron comezo no ano 1797, como xa se dixo anteriormente, sendo mordomo Xoán Cendón, veciño de Alén, que adiantou 800 reais de vellón que llos devolveu a Irmandade no ano 1799.

Deixemovos a Ruta de Xiraxga para aqueles todos que dexesedes perdervos por estas terras.

118 visualizaciones0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo
bottom of page