top of page

Visitando Lebozan (Beariz)

  • Redacción
  • 16 may 2017
  • 4 Min. de lectura

Lebozán é a parroquia máis occidental do concello de Beariz, lindando xa coas terras de Soutelo de Montes. Esto fixo que tradicionalmente as xentes dos lugares altos como A Ermida ou Arnelas se dirixísen máis cara este que a Beariz, ó cal tamén axudan unhas comunicacións máis doadas.

A parroquia está formada polas aldeas de As Ventelas, Arnelas, A Ermida, Os Liñares, O Busto e Lebozán. No lugar das Santas está a separación entre os concellos de Beariz, Irixo e Boborás, e polo tanto tamén unha parte pertenece a esta parroquia.

Praza da Iglesia de Lebozan

A igrexa parroquial de Sta Cruz de Lebozán (Século XVIII), é a obra máis salientable da parroquia, aínda que tamén hai unha capela dedicada a San Antón na Ermida.

A igrexa parroquial consta dunha nave no interior que divídese en catro tramos separados por tres arcos de medio punto rematados en aresta viva; apean sobre ábacos modulados e estes van montados en pilastras de sección cadrada do mesmo grosor cos arcos. Nótase perfectamente dende aquí a súa planta de cruz latina, xa que no tramo cuarto, que corresponde ó cruceiro, abre a cada lado unha pequena capela. Accédese a elas por medio de ambos arcos de triunfo de traxectoria semicircular e lixeiramente rebaixados. Ambos apean sobre ábacos modulados que van montados sobre pilastras rectas, similares ás dos arcos faxóns. Os ábacos destes arcos únense por medio dunha imposta ós do arco de triunfo da capela maior. Estes son da mesma traxectoria cos da nave, salvo que están lixeiramente rebaixados e as pilastras son similares ás descritas. No frontal do terceiro arco da nave leva un letreiro que di: NBRE 1929, data que se corresponde coa remodelación. O segundo e o terceiro tramo da nave abren unhas pequenas capelas con pouca profundidade nos muros, ataviadas con arcos semicirculares.

Os muros están completamente aplanados e os dous primeiros tramos da nave cúbrense con bóveda de canón aplanada e postiza; o terceiro e o cuarto, o mesmo co presbiterio, levan cubrición de madeira a dúas augas.

As capelas laterais abren no testeiro unha pequena fiestra rectangular con dobre verteluz.

A ábsida leva acaroada a cada lado unha sancristía e abre tamén por esa banda unha pequena fiestra con dobre verteluz. O piso é de baldosa moderna o mesmo ca tribuna.

Como sucede nos muros exteriores, todo o paramento está aplanado salvo os arcos, as pilastras e os encadres das fiestras. A pía bautismal está situada na entrada, á man esquerda.

Roteiro de Alvite polas terras de Lebozan

En canto a Ermita da Ermida trátase dunha pequena capela de estilo popular coa fachada e os muros totalmente aplanados, salvo os esquinais que son de granito e permanecen á vista. Sobre estes, a fachada occidental leva un pendón piramidal para rematar cunha cornixa modulada ó xeito de tornachoivas. A espadana abre dous arcos de medio punto moi peraltados que acubillan outras tantas campás e vai coroada por outro arco rematado nun pendón cunha cruz de ferro no ápice.

Capela da Ermida

No interior os muros tamén están aplanados e leva unha sancristía no testeiro con acceso dende o presbiterio. Hai que destacar nesta capela unha imaxe de Santa Lucía, recentemente pintada. A talla de estilo popular, podémola datar entre os séculos XIV e XV. É unha das imaxes máis valiosas e antigas, realizadas en madeira, que hai no concello de Beariz de Montes.

En Lebozán celébrase a festa da Candelora o día dous de febreiro, mentras que nos Liñares é a Sta. Rita, e na Ermida o San Antón, romarías hoxe case perdidas, pero que foron hai anos as máis grandes da bisbarra. Tal é así que o día de San Antón séguese considerando como festa en boa parte dos lugares de Pardesoa e Soutelo de Montes, aparte da propia parroquia.

Da mesa dos bispos, no lugar das Santas, do que foi unha mesa de pedra de lousa asentada sobre catro chantas, tamén de lousa, só queda unha destas pezas.

A mesa foi levantada para que conferenciaran os tres bispos (Santiago, Lugo e Ourense) neste pequeno lugar que pertencía a esas tres dioceses e que aínda na actualidade pertence a tres concellos: Irixo, Boborás e Beariz.

A raíz do Decreto 1456/57 da Sagrada Congregación Consistorial, dado en Roma o 17 de outubro de 1954, o Nuncio do Vaticano en España, executou ese Decreto o 7 de marzo de 1955, que se fixo efectivo ó ano seguinte, é dicir en 1956, polo que a parte das Santas que pertencía á diocese de Lugo, e a que pertencía á arquidiocese de Santiago, pasaron a pertencer, unicamente á diocese de Ourense, quedando deste xeito, todo o lugar unificado.

Con este decreto, perdéronse case nove séculos de historia e o tempo foi facendo tamén que as pedras da mesa foran desaparecendo paulatinamente, primeiro polo abandono e o esquecemento e despois por culpa do cambio de trazado na estrada que une Pontevedra con Ourense.

A única pedra que queda na actualidade, do que foi a mesa dos Bispos, é como se dixo máis arriba, unha chanta de lousa nunha finca de labradío, do lado esquerdo da estrada 541, con dirección a Ourense.

Comments


© 2016 pola Verdade da Terra de Montes created with Wix.com

  • Facebook B&W
  • Twitter B&W
bottom of page