top of page

Os camiños dos arrieiros pola Terra de Montes.

  • Redacción
  • 12 jun 2017
  • 3 Min. de lectura

Os itinerarios que seguían os arrieiros de cara o Ribeiro eran moi variados,dependían do lugar de onde se partise. Mais, podemos establecer, de un modo xenérico, seis camiños de arrieiros:

1. O camiño vello de arrieiros, o máis antigo, que transitaban tamén na Idade Media os que provían de viño ao mosteiro de Aciveiro, das granxas que o convento tiña no Ribeiro de Avia. Destes dinos Rodríguez Fraiz:

“Uno de los servicios más interesantes y necesarios para el Monasterio era el transporte de vino desde las granjas propias del Ribeiro de Avia.Este costoso menester, dada la situación del Monasterio y los dificilísimos caminos a recorrer, estaba a cargo de los moradores de las Encomiendas, estos debían hacerlo en razón de señorío... Otros vecinos debían prestar este servicio por dere cho de foro radicante sobre bienes que fueron o son del convento”.

Este antigo e difícil camiño a recorrer polos arrieiros era o que saía da zona de Ribadavia, subía por Salón, Albarellos, Feás, a Fenteira, Charca das Antas, pasaba por enriba de Arnelas, Trasdomonte, o alto do monte Castelo, monte da Barreira -onde había unha telleira-, Pozos da Neveira e Mosteiro de Aciveiro.

Os que continuaban camiño cruzaban a ponte de Andón, seguían o camiño de S. Bartolomeu de Pereira, Castro de Muras e Meavía. Aquí bifurcábase e un ía cara A Pena, Sta. Cristina de Vinseiro, a ponte Carrá, seguindo camiño cara A Estrada e Santiago. O outro desviábase por Quintillán, Liripio, Codeseda e A Estrada. Estes camiños tamén eran de ida para o Ribeiro.

2. O camiño anterior abandonouse porque era un camiño difícil de transitar e moi perigoso, porque sempre houbo amigos do alleo e daquela tamén. Andando o tempo vaise ver máis favorecido o camiño que parte da Estrada, pasando por Codeseda, a Portela, a Baiuca, a Mámoa (Castrelo), Ponte Gomail, Gaxín, Cachafeiro, Vilapouca, Soutelo de Montes, Beariz e Feás. En Feás este camiño bifurcábase pasando un ramal por Albarellos, Salón, Pazos de Arenteiro,etc. O outro ramal seguía de Feás a Brués, a Almuzara, Carballiño e baixaban a Leiro e os diferentes lugares do Ribeiro. Este diría mos que era o camiño principal.

Despois da construción da estrada N541, de Barbantiño a Pontevedra, do ano 1852, pasaban o Regueiro, o Paraño, baixaban a Nogueira de Xendive, Brués e a Almuzara; baixando logo a Pazos de Arenteiro ou seguindo cara a Carballiño e Leiro.

Este camiño pode decirse que ademáis de camiño dos arrieiros foi camiño de peregrinación a Santiago desde Braga, o chamado camiño miñoco.

3. O camiño que viña de Pontevedra e subía por Cerdedo, os da Boa Vila chamábanlle o camiño de Castela, pasaba por Folgoso e uníase ao anterior en Vilapouca.

4. Outro camiño importante de arrieiros era o que saía de Pontevedra a Rivadavia. Pasaba por Vilarchán, Pé da Mua, Feira de Famelga, lugar de Fraguas (Tabernas), Caroi, Sta. Mariña (Alto do Seixo), Barcia do Seixo, Doade, Beariz, etc. Os arrieiros que pasaban por este camiño transportaban o viño que se consumía en Pontevedra e o que se embarcaba no porto das Corbaceiras, a Moureira, camiño de Inglaterra, no s. XVI. A partir do 1852, este camiño quedou esquecido e o usado foi o camiño 3 de Pontevedra a Cerdedo, Soutelo de Montes e o Carballiño.

5. Había un quinto camiño que partindo de Bandeira a Silleda, pasando por Laro, Freixeiro, Alto da Romiña, Irixo e en chegando a Almuzara uníase ao primeiro, segundo e terceiro camiño.

6. Outro camiño non menos importante era o sexto, que se usaba, ás veces, de retorno para burla-lo pago dos impostos de mercadorías. Viña por Feás, Beariz, Xirazga, S. Domingos, Presqueiras, Folgoso, cruzaban a ponte Parada, a Mámoa (Castrelo) e a Baiuca, onde se unían ao camiño 2.

Un pobo de servizos, a Almuzara

A Almuzara é un pequeno lugar da parroquia e concello de Boborás, Ourense, onde confluían varios camiños de arrieiros. Por aquí pasaban os arrieiros de Tabeiros e a Terra de Montes. Tamén os que par tían de Bandeira e Silleda, pasando polo Irixo. Atopábanse neste punto os que viñan da zona de Lalín. Era, por tanto, un nó estratéxico, onde lles prestaban moitos servizos ós que se adicaban a esta actividade comercial. Había mesóns e pousadas onde descansaban, comían e pasaban a noite, tanto os animais como as persoas.

Había ferreiros, tendo como actividade principal ferrar os cabalos e mulas dos arrieiros que reclamaban este servizo, considerando que os arrieiros eran os que habitualmente ferraban as súas propias mulas.

Outro pobo importante nos camiños dos arrieiros foi Vilapouca, coma cruce de camiños.

Comentarios


© 2016 pola Verdade da Terra de Montes created with Wix.com

  • Facebook B&W
  • Twitter B&W
bottom of page