top of page

Os petos das ánimas

  • Redacción
  • 19 jun 2017
  • 3 Min. de lectura

Os petos de ánimas atópanse en camiños e encrucilladas de toda Terra de Montes, e son unha das manifestacións materiais do culto ós mortos, da devoción polas ánimas.

Terra de Montes é un pobo profundamente relixioso, sentimento herdado dos seus antepasados e afincado en tradicións de santos repartidos por toda a nosa terra. É xeral a crenza en milagres, pequenos e grandes, e para todo se pide o favor do Ceo. Sinalar que moitos destes petos de ánimas, están en perigo, motivado pola perda de poboación e a desidia dos seus gobernantes.

Peto da Virxe das Angustias na rúa real en Soutelo de Montes

O significado dos petos de ánimas

A crenza da continuidade da alma despois da morte e da existencia dun paso intermedio para chegar ó ceo, onde se redimen os pecados e faltas cometidas en vida, está moi arraigado na mentalidade popular da Terra de Montes.

Dentro das construccións populares, os petos de ánimas son os que evidencian a importancia do purgatorio . A finalidade destes elementos populares é que os vivos poidan ofrecer esmolas para a salvación das almas en pena que non encontran descanso no purgatorio, e así alcancen a felicidade no ceo. Unha vez liberadas, intercederán por quen fixo a ofrenda. Por tanto, trátase de procurar a salvación dos mortos pero tamén de asegurarse a propia.

Peto das animas de Doade (Beariz)

Moitos deles foron construídos pola devoción dun fregués ou polos veciños dun lugar. Son moi curiosas as advertencias que se fan no seu nome. Tamén atopanse moitos petos de esmolas nas paredes das capelas.

A súa orixe

As almas do purgatorio son a meirande devoción da Terra de Montes despois de Cristo e da Nai; e, anque o culto teña a súa raigame no cerne mesmo do espíritu da xente, as mostras que se conservan son serodias.

Capela de Santo Domingo (Xirazga)

A idea do purgatorio, aumentada e revitalizada a partir do Concilio de Trento (século XVI), fixo que se desenvolvese a práctica da construcción destes monumentos populares cunha determinada iconografía. Pero segundo parece, na Terra de Montes é no século XVIII cando se fan a maior parte destes monumentos dedicados ás ánimas; e os máis antigos conservados corresponden ó século XVII.

Localización e dimensión

As encrucilladas aínda inspiran temor ós naturais do país, e a súa causa está en que pervive nas crenzas actuais consideralas como lugar que fora destinado ó enterramento, especialmente dos apartados da comunidade cristiá, de aí a crenza de que polas mesmas vaguen durante a noite as almas dos condenados. Chama atención que nos campos da feira de Soutelo de Montes e Doade (feiras máis importantes da comarca) aparezan sendos petos das animas.

Peto de animas en Quintela (Millerada)

Tanto a súa dimensión como iconografía son variadas, polo que é difícil establecer unha morfoloxía xeral, aínda que si se pode indicar que o corpo central do peto está composto por unha cavidade na que normalmente se representa ás ánimas no purgatorio, en relevo, pintura…, e un peto ou hucha para botar as esmolas. Estes elementos veñen a maioría das veces acompañados doutros secundarios: cornixas, pilastras, portiña de ferro.

O Culto ós Petos de Ánimas

Peto das esmolas Vilalen (Cerdedo)

Tamén é habitual que ó pasar por diante do peto, se rece unha oración polas benditas ánimas para que poidan saír do purgatorio. Tamén se lles agradece algún favor feito, porque acostuman a axudar ós vivos; pídeselles axuda para solucionar algún problema, e colócanselles flores no seu recordo, pois hai que telas sempre presentes. As ánimas, sobre todo, ténselles respecto e non se poden esquecer nunca.

Comments


© 2016 pola Verdade da Terra de Montes created with Wix.com

  • Facebook B&W
  • Twitter B&W
bottom of page