Carlos Baliñas, pensador amable
- Redacción
- 12 jul 2017
- 3 Min. de lectura
Carlos Amable Baliñas Fernández naceu en Quireza, parroquia do municipio pontevedrés de Cerdedo en 1930, no seo dunha familia humilde. As súas primeiras lembranzas teñen que ver cos terribles acontecementos da guerra civil española, vistos polos ollos dun neno labrego que se abre ó mundo nunha aldea galega. No mesmo ano que remata a guerra civil, gaña por concurso unha praza de Neno de Coro na Catedral de Santiago de Compostela. Ademais da formación en Humanidades que recibe no Seminario, cursa estudos de música e piano. A paixón pola música non a abandonará nunca e será o refuxio íntimo para o espírito do noso pensador.

Entre os anos 1947-51, un mozo Carlos Baliñas de brillante traxectoria académica, obtén unha bolsa de estudos para cursar sucesivamente Linguas clásicas e Filosofía na Universidade de Comillas, un centro de gran prestixio naquela época tanto en España como en Hispanoamérica. Abandonados os estudos eclesiásticos, remata o bacharelato e comeza a súa formación universitaria na centenaria universidade compostelán. O desexo de conquistar o mundo do coñecemento, lévao a cursar inicialmente as carreiras de Dereito e de Filosofía e Letras. Pero ben axiña descobre que a súa verdadeira vocación non está do lado das leis senón dese vello saber cultivado dende antigo polos amantes da sabedoría. Por iso, cando remata en Santiago de Compostela os dous anos comúns, desprázase á Universidade Complutense de Madrid onde obtén a Licenciatura en Filosofía no ano 1957.
Chega despois o periplo alemán. Primeiro como bolseiro do goberno de Baviera para cursar estudos de Filosofía na Universidade de Múnic. Posteriormente, volverá a Múnic cunha bolsa da Fundación Juan March para traballar na súa Tese de Doutoramento. Alemaña deixará en Carlos Baliñas unha fonda pegada non só pola solidez da tradición filosófica xermana ou pola sutil fermosura da lingua alemá, senón por agasallalo coa carta de identidade de cidadán do mundo. Ten as súas primeiras experiencias docentes na Universidade Complutense de Madrid entre os anos 1957 e 59 como profesor de clases prácticas. O desexo de atopar unha estabilidade laboral lévao primeiro ó ensino medio, exercendo como Catedrático numerario de Filosofía nos Institutos de León, Vigo e Santiago. E de novo regresa ó ensino universitario. Entre os anos 1965-70 atopámolo desempeñando as funcións de profesor non numerario a tempo parcial na Universidade de Santiago, profesor agregado numerario na Universidade Central de Barcelona, profesor agregado numerario na Universidade Complutense. Ata que gaña a súa cátedra de Filosofía na USC en 1970 e Galicia o recupera para ben da nosa Filosofía.
En efecto, ben axiña ía promover proxectos tan decisivos para a consolidación da Filosofía en Galicia como a creación da Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación na USC, onde exercerá como decano entre os anos 1975 e 1981. Promove a creación da Revista Agora -papeles de Filosofía- no ámbito da Universidade compostelán no ano 1980. Preside dende a súa creación da Sociedade Interuniversitaria de Filosofía, organizadora dos Encontros Internacionais de Filosofía no Camiño de Santiago que se veñen celebrando co carácter bienal dende 1993.
A carón da súa vocación filosófica atopamos a outra gran paixón de Carlos Baliñas: Galicia. Vinculado ós movementos galeguistas a partir dos anos 50, ten colaborado como intelectual na tarefa de prestixiar o pensamento galego a través do estudo de autores e de temas galegos, con especial dedicación á obra de Rosalía de Castro, Otero Pedrayo, Risco ou Castelao. Ademais da súa participación en institucións dedicadas á promoción e defensa da cultura galega. Son, xa que logo, varias as facianas deste noso Carlos Baliñas, que iremos vendo a modo.
Comments