As neveiras de Fixo
- Redacción
- 18 sept 2017
- 6 Min. de lectura
Desde alguns meses o Concello de Forcarei en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia está a rehabilitar as Neveiras de Fixó. Felicitamos pois ao concello de Forcarei por esta actuación e desexamos que non perda folgos en continuar esta empresa ampliando os rutas e as actividades pro fomento das visitas a comarca.

O xeo almacenado nas neveiras galegas era principalmente para consumo propio. Sen embargo, nalgúns casos senlleiros, coma o do mosteiro de Aciveiro, comercializábase a neve coas grandes cidades do momento (Santiago de Compostela, A Coruña, Ourense ou Pontevedra).Tamén parece ser que foi frecuente o intercambio de neve con Castela e a Casa Real. Neste senso, debemos lembrar que Madrid, en calidade de Corte, era a maior consumidora de neve e bebidas frías.
Nun principio, os principais consumidores da neve foron os grupos privilexiados da sociedade, coma eclesiásticos, nobrezas e oligarquías urbanas. En Galicia, no século XVII, este sería tamén o seu principal mercado. De principios e mediados desta centuria temos noticia, por exemplo, da compra de neve ao Mosteiro de Aciveiro para abastecer a casa do Capitán Xeral e a Real Audiencia de Galicia, que con posterioridade construirá a súa propia neveira, ou a nobres significados coma a Condesa de Paredes.
Na mesma época o Cabido de Santiago e o Mosteiro de San Martiño Pinario subministran a distintos mosteiros da cidade e ao Arcebispo. Nunha fase tardía, estes produtos refrixerantes, ao igual que a denominada aloxa, difundíronse e ampliaron a base social de consumo, chegando incluso ás clases populares.

A temporada máis intensa de consumo de xeo e neve adoitaba iniciarse entre finais de maio-principios de xuño ata finais de outubro, se ben algún ano se prolongaba ata mediados de novembro.
O comercio da neve supuña grandes ingresos para os seus comerciantes e chegou a ser un negocio rendible nos seus anos de maior esplendor. Pero esta actividade non estaba exenta de impostos, senón que xa durante o reinado de Felipe II se lle impoñen arbitrios extraordinarios, como foi a imposición de 2 marabedís en cada libra de xeo ou neve que se consumise en Castela e León. Este imposto debía supoñer unha cantidade apreciable para a Coroa. Deste xeito, o prezo da neve e das bebidas frías (auga de limón, orchata, canela, etc...) alcanza a esfera fiscal, véndose controlado e establecido polo intervencionismo municipal.
Debido á grande popularidade que acadou o consumo de bebidas frías, froitas xeadas ou refrescos de neve, o negociante catalán Pablo Xarquíes, decide explotar de forma masiva este produto, facéndose coa produción de toda España. Felipe III concedeulle o monopolio, converténdose así no primeiro gran comerciante de xeos e neves e o primeiro administrador da “Casa Arbitrio de la Nieve y Hielo del Reino”. O monopolio do xeo foille concedido por Real Cédula de data 21-08-1607, e un ano máis tarde concédeselle o monopolio das neves por Real Cédula de 10-04-1608.

De acordo coa Real Cédula de 1607 serán os rexedores municipais os responsables de dar conta do importe do Quinto ao escribán público da “Real Hacienda”. No caso de Santiago non se conservan relacións desta natureza, aínda que sabemos que na década de 1610 Pablo Xarquíes procede ao arrendamento do seu privilexio para distintos reinos e cidades da Coroa de Castela, a cambio dunha cantidade en metálico ou tan só do reintegro do Quinto. Con respecto a este caso di C. Fernández que, sen posibilidade no presente de consulta da escritura concerninte ao reino de Galicia, subscrita en 1619, non debería diferir das acordadas para outras cidades. Nas mesmas outórgaselle poder por Pablo Xarquíes en favor do arrendatario para que “se querelle ante qualesquiera jueces y tribunales eclesiásticos o seglares” contra “cualesquiera personas que tuvieren fechos poços, estanques (...) y rrecoxidos yelos y nieves...”, solicitando que se “ le aplique y den dichos poços”.
Si sabemos que ao Mosteiro de Aciveiro foille reclamada a regularización co “Administrador General de los Reales Derechos de la Niebe y Yelos destos Reinos”, mediante unha carta enviada en 1632 polo Lcdo. D. Francisco de Olivares ao abade de dito mosteiro, que nese momento contaba con dúas neveiras embargadas por non ter satisfeito o Quinto. Don Francisco de Olivares propón que no futuro, e unha vez liquidada a multa de 200 ducados estipulada pola Real Cédula de 21-08-1607, se paguen dez ducados cada ano polas dúas neveiras, sempre que houbera neve e esta puidese ser comercializada. Esta ven sendo unha das escasas noticias que temos da renda do Quinto en Galicia. Dos outros impostos sobre a neve, os datos coñecidos para Galicia son escasos. Polo que se refire ás dúas neveiras de Fixó, en Millerada, posuímos poucos datos sobre a súa historia particular, aínda que si resultan relevantes e moi suxestivos. Do conxunto de neveiras e pozas de neve do Candán, seguramente as primeiras construídas foron as de Masgalán, as máis próximas ao Mosteiro de Acibeiro e que xa se citan nun documento de 1682, conservado no arquivo parroquial (Rodríguez 1973). A principios do século XVII, tal e como reflicte o Tumbo Grande de Acibeiro, segundo a famosa transcrición de Rodríguez Fraiz, o arquiveiro do Mosteiro queixábase de que se tivese permitido ao Cabido Compostelán, á Real Audiencia de Galicia, con sé na Coruña, e a un particular, facer neveiras nos mesmos montes do Candán. Este proteccionismo do Mosteiro, que deu paso a un longo proceso xudicial, aos que os distintos abades de Acibeiro foron historicamente tan afeccionados, non era cousa menor, xa que o cenobio adscrito á Congregación de Castela obtiña do tráfico de neve importantes ingresos, que loxicamente veríanse sensiblemente diminuídos coa posta en funcionamento de novas instalacións destinadas á abastecer de xeo aos núcleos urbanos. A espiral xurídica de protección das neveiras do Candán, chega a un novo episodio cando en 1689 Acibeiro establece un novo preito para impedir que o Cabido compostelán constrúa unha nova neveira no lugar de Orxes, topónimo co que era coñecida a paraxe na que se sitúan as neveiras de Millerada. Durante o preito, segundo reflicte o Tumbo Grande, o Cabido probou a propiedade dos terreos, polo que o fallo foi negativo para o Mosteiro e o Cabido rematou a construción (Rodríguez 1973 e Fernández 1996).

Existían neveiras en Caroi, Fixó de Millarada, Fixó de Pardesoa e Lamasgalán. Para o Cabido (presente na Terra de Montes a través dos Xuices Meriños), a construción das neveiras supuxo un esforzo considerable, moi importante tendo en conta o estado de falta de liquidez crónica que tiveron todas as institucións do Antigo Réxime. Seguindo sempre a Fernández Cortizo, a "fábrica da nevera viexa" custoulle ao Cabido a cantidade de 7.908 rs. , por 5.850 rs. a nova. En realidade, a Sé compostelá non planeou a colleita de neve como un negocio, senón como un autoabastecemento. E nunca foi boiante, sobre todo a partir de 1710, cando os gastos abocaron á explotación a un saldo negativo. Segundo reflicten os datos históricos analizados polo Sr. Fernández, os custes derivados dos salarios do persoal fixo ("nevero" de Montes e "nevero" da cidade) e dos pagos aos colleiteiros encargados da colleita e almacenaxe da neve (que poden alcanzar o fantástico número de 167) chegan a acadar a mediados do século XVII preto do 75 % da inversión que a Mesa Capitular tiña que facer na colleita anual de neve. Era unha situación que non podía durar moito. A partir de 1763 o Cabido afora as neveiras de Montes a particulares do lugar a abandona a súa explotación directa, incluíndo os traballos periódicos de conservación, documentados entre 1675 e 1751, e que consistiron en "reparos" y "adereços" destinados ao mantemento de estruturas e foxos. O colapso do Antigo Réxime, o abandono das vereas e camiños reais que atravesaban o Candán en favor das novas vías de comunicación, as desamortizacións e redencións de foros do patrimonio rural eclesiástico, os cambios na estrutura social e económica do mundo agrario e o asentamento dunhas condicións climáticas máis benignas, afastadas dos duros invernos da Pequena Glaciación, xunto a outros factores menos prosaicos, como a diminución da demanda por cambio de modas e hábitos sociais, incidiron directamente no abandono das neveiras de Fixó e o seu paso a mans particulares como parte dun predio rural máis. O final dun fascinante camiño comezado dous séculos antes.