top of page

Cemiterios de elefantes

  • Redacción
  • 16 jun 2016
  • 4 Min. de lectura

Comecemos polo evidente: os galegos e galegas desaparecemos, nuns lugares máis depresa — o interior— que outros —a franxa Atlántica— mais desaparecemos, iso é unha certeza; o que está por ver se irremediabelmente. Forcarei, Cerdedo e Cotobade tamén desaparecen. Nos últimos 20 anos —todos eles con maioría absoluta do PP en Forcarei e Cerdedo— desde o punto de vista económico pasaron dúas cousas: un crecemento espectacular ata 2007; un afundimento non menos espectacular a partir de 2008. Mais en termos de poboación existiu unha tendencia común aos tres concellos: todos perderon habitantes, daba igual estar nunha burbulla que nunha crise. No 1996, os tres concellos contaban com 12.700 habitantes; 19 anos despois o número apenas chega aos 9.800.

Case un cuarto da poboación marchou, mais non en todos os concellos por igual: Forcarei e Cerdedo perderon un terzo mais Cotobade "apenas" un 15%. O despoboamento non é novo; como tampouco o é a falta de perspectivas sociais e laborais nos territorios do interior. Levamos máis de 20 anos ollando sen facer nada e é agora que as ideas brillantes asoman: a unión!

A incompetencia, a ineptitude, a desidia e a arrogancia dos sucesivos alcaldes destes concellos ten moito que ver con este proceso de esvaecimento colectivo. A única iniciativa —nefasta porque está demostrado que non é efectiva para incrementar a poboación— foi a de dar diñeiro por nacementos. Moitos empadroáronse (sen vivir en Cerdedo), tiveron un fillo, colleron o diñeiro e voltaron empadroarse onde realmente vivían. Non houbo ningunha iniciativa seria que tratase de atallar os problemas principais das terras do interior: despoboamento das aldeas, abandono do espazo e avellentamento da poboación. É verdade que hoxe non hai futuro nas Terras de Montes; mais tamén é certo que esse futuro comezou a escurecerse hai máis de 20 anos e ninguén, entre quen gobernou e aínda goberna, fixo nada.

Mais non se pode culpar por completo a quen senta nas poltronas dos concellos; hai que ollar tamén a quenes as ocupan en San Caetano. Estes gobernantes que temos, tan bos xestores dos seus patrimonios privados a costa dos bens e servizos públicos, apenas puxeron en marcha dúas iniciativas contra o despoboamento: a primeira foi outorgar pírricos e puntuais subsidios aos nacementos, curiosamente sempre antes de periodos eleitorais, imitando as mellores épocas do paternalismo franquista; a segunda, montar unha campaña publicitaria na que se pode ler a palabra "futuro" en xogos com imaxes de barcos e coches. É esse o futuro que teñen planeado para este país? Cheques e fotos trucadas?

Cales foron e son as políticas estruturais implantadas pola Xunta para loitar contra os grandes males deste país como son o despoboamento e o avellentamento? Por que nunca se promoveu un pacto entre todas as forzas políticas para destinar durante un mínimo de 20 anos unha cantidade considerábel de recursos a políticas contra o abandono e o avellentamento?

Se cadra os nosos gobernantes non coñecen as causas destes problemas. E ata comprensíbel cando os recursos destinados á investigación e á innovación levan máis dun lustro caíndo.Centos, milleiros de galegos e galegas historiadoras, xeólogas, sociólogas, antropólogas... con sobrada capacidade para investigaren e achegaren análises e posibeis solucións a estes males apenas teñen dúas alternativas: emigrar ou malvivir cun traballo precario que nada ten a ver con aquilo para o que se capacitaron. Mágoa que moitos políticos defendan empresas obsoletas que promoven precariedade e destrucción de recursos. Calquera euro destinado á investigación é un excelente investimento, tanto para o presente —a xente fica no país, consome aquí, investe aquí e ten fillos aquí— como para o futuro —encóntranse novas ferramentas para loitar contra os problemas económicos e sociais que nos afectan—. Problemas como a falta de nacementos, a emigración, o traballo precario e de pouco valor tecnolóxico, a falta de infraestruturas e de estruturas de servizos construídos e prestados cun sentido realmente eficaz. Uns problemas que se resumen nun só: a falta de futuro.

E por que non pensar no futuro alén dunha patética campaña de publicidade? O futuro significa apostar en inovar e non en seguir subsidiando tecnoloxías cuxo esplendor hai lustros que ficou atrás. Cando uns están a pensar en vehículos eléctricos, nós seguimos botando diñeiro nos de combustión; cando outros desenvolven dispositivos dixitais, nós seguimos apostando na pasta de papel; cando a maioría estaría entusiasmada con que as persoas poidan ser autosuficientes enerxeticamente, nós sancionamos e aplicamos máis impostos... Chegamos tarde, máis unha vez, a outra revolución.

Ninguén pensou que non dispoñer dunha rede de "trens de distancias curtas" que conecte as vilas do interior pode ser unha das causas dos problemas do rural? Alguén é tan inocente ao pensar que o AVE non vai ter repercusións nas vilas e aldeas?

Apostamos en infraestruturas que non se acomodan nen social nen economicamente a esta Terra como o AVE. Hipotecamonos en milleiros de millóns en infraestruturas que apenas serán accesíbeis a unha mínima parte da poboación. Voltamos apostar no oráculo do turismo, unha actividade baseada na precariedade dos empregos e na saturación e destrucción do meio.

Alguén pensou que sen achegar, dotar ou producir valor aos productos primarios podemos fornecer oportunidades para que a xente se asente nas áreas rurais?

Dispoñemos de materias, mais non somos capaces de tirar o valor que realmente teñen: madeira, agricultura, gandeiría, enerxía renovábel. Outros países desenvolven novos instrumentos como a bioeconomia e reflexionan sobre o futuro a 20, 30 ou 50 anos vista. Apostemos na investigación en todas as áreas do coñecemento, tamén nas ciencias sociais, e na redistribución dos recursos económicos cara a infraestruturas e servizos que presten servizo á poboación e non só a empresas que xa están na súa fase decadente.

A fusión proposta polos alcaldes de Cerdedo e Cotobade é máis unha proba da incapacidade da elite política para dar resposta ás necesidades da poboación das terras do interior. É, ademais, outra mostra da precaria democracia real que existe no ámbito local: falta de información, de participación na toma de decisións, de rendición de contas e a transparencia dos órganos de goberno. A ínfima lexitimidade das institucións ten que carregar con representantes arrogantes que as consideran súas e que as utilizan para tirar beneficios particulares. Moitos dos nosos concellos converteronse en cemiterios de elefantes políticos onde campan o despotismo, clientelismo e a corrupción... As unións e fusións de concellos do interior non son as gadañas que os farán desaparecer, senón o enterramento dos principios democráticos esenciais que os habían de rexer e a incompetencia e ineptitude de quen os dirixe.

Artigo de Pedro Peón Torres. licenciado en Ciencias Políticas na USC e pola Universidade Libre de Bruxelas publicado en PONTEVEDRAVIVA o 13 de xuño do 2016

Comments


© 2016 pola Verdade da Terra de Montes created with Wix.com

  • Facebook B&W
  • Twitter B&W
bottom of page