top of page

De ruta por Beariz. Descobre a maxia (parte 1ª)

  • Redacción
  • 28 ago 2017
  • 3 Min. de lectura

O concello de Beariz está nunha zona que conta con importantes atractivos turísticos grazas ás súas características naturais e culturais e ás accións de conservación e difusión que veñen sendo desenvolvidas.

Neste contexto considerouse a idoneidade de continuar coa labor de difusión e educación medioambiental comezada realizando proxectos que conduzan a un mellor coñecemento da zona, que contribúa á maior valoración do espazo natural e núcleos rurais do concello. Entre as actuacións para promover estes lugares que se veñen realizando destaca a sinalización, adecuación e difusión dos traxectos e rutas de sendeirismo que xa existen na actualidade no concello de Beariz.

Esta rede de sendeiros contribúe a que os visitantes poidan coñecer os espazos naturais e riqueza histórica e etnográfica do concello mediante un turismo activo e respectuoso co medio.

Roteiro de Alvite

A ruta que se presenta lévanos a rodear un val por cuxo centro vai o regato coñecido como da Ponte Pedriña. Este regato desembocará no Avia, un caudaloso río destacable pola pesca, historia e riqueza natural. O Avia rega o Ribeiro, comarca Ourensá famosa polos seus viños, e desembocará máis ao sur no Miño, o gran río vertebrador da orografía galega. Aínda que o regato é aquí pequeno, achega humidade suficiente para que aparezan ante nós importantes bosques de ribeira cunha fenomenal riqueza de flora e fauna.

Entre as rutas de sendeirismo no concello de Beariz destacamos que esta é case sempre baixo a sombra de árbores, facilitando así que o paseo sexa máis agradable. Só a parte alta do quilómetro 2 ao 4, na Chancela, presenta un arborado máis escaso aparecendo en troques a posibilidade así de disfrutar das vistas das aldeas e montes de case todo o concello. A parte profunda do val, sobre todo cara ao final do percorrido, irá amosando sempre gran fertilidade co dominio do Bidueiro, o Carballo e o Piñeiro. Setas, insectos, paxaros e mesmo mamíferos poderán ser divisados tamén no decurso da ruta.

Os 12,8 quilómetros pódense facer a pé, en bicicleta ou en todo terreo. No caso do todo terreo só se atoparían dificultades para transitar, case ao final, polo tramo dende a área recreativa de Barcia, que podería facerse por estrada como alternativa.

Alvite é unha aldea entre Lebozán e Muradás na que a frondosidade das carballeiras que a rodean e a rehabilitación dos últimos anos fan que sexa un lugar imprescindible a visitar. A Zapatería de Tío Ramiro é unha casa rural que ofrece tamén servizo de comidas, ideal como aloxamento de calidade, nun lugar tranquilo en plena natureza.

Proponse unha ruta de 12 quilómetros pero existe tamén un sendeiro alternativo que baixa entre carballos e flora típica de río ata a area recreativa de Barcia. Nesta aldea floreceron algunhas actividades artesanais e comerciais como se pode ver no nome dalgunhas das casas que recordan a actividade á que se dedicaron orixinariamente.

Roteiro de Garfián

As augas dos ríos en Beariz corren cara o sur, caro río Avia, en lugar de ir cara o Suroeste como no resto da comarca. Os vales son abertos e de orientación sur, con máis horas de sol e lixeiramente máis cálidos que os veciños do Norte. O roteiro de Garfián rodea o monte do Ceo da Bouza para baixar atravesando a agradable área recreativa de Barcia.

O roteiro de Gafián é un agradable paseo de oito quilómetros polo centro e sur do Concello de Beariz que vai discorrendo entre subidas e baixadas entrelazadas. A sombra acompaña nos primeiros e últimos quilómetros mentres na zona alta as vistas panorámicas adquiren o protagonismo.

O roteiro permite coñecer a maioría de elementos característicos de Beariz como pequenas aldeas, antigos xacementos megalíticos e agradables zonas para descansar á sombra xunto a regatos.

Todo o percorrido é transitable a pé, en bicicleta de montaña ou quad. No caso dos todoterreos será preciso dar un rodeo na Aldea da Bouza. Non se colle o camiño marcado á dereita, que é estreito, seguindo de frente ata atopar unha pista máis ampla á dereita pola que subiremos atentos para atopar as sinalizacións da ruta. Ao chegar ao depósito de auga hai que coller cara á esquerda pola pista que sobe pouco a pouco e que xa está sinalizada.

Garfián é unha pequena e recollida aldea na parte do Sur de Beariz. Conta cunha casa rural e está rodeada de fragas de carballos e castiñeiros principalmente. A orientación ao sur e protección das pequenas montañas soe ofrecer un clima soleado e pouco ventoso.

© 2016 pola Verdade da Terra de Montes created with Wix.com

  • Facebook B&W
  • Twitter B&W
bottom of page