De ruta por Beariz. Descobre a maxia (parte 2ª)
- Redacción
- 4 sept 2017
- 3 Min. de lectura
O concello de Beariz está nunha zona que conta con importantes atractivos turísticos grazas ás súas características naturais e culturais e ás accións de conservación e difusión que veñen sendo desenvolvidas.
Neste contexto considerouse a idoneidade de continuar coa labor de difusión e educación medioambiental comezada realizando proxectos que conduzan a un mellor coñecemento da zona, que contribúa á maior valoración do espazo natural e núcleos rurais do concello. Entre as actuacións para promover estes lugares que se veñen realizando destaca a sinalización, adecuación e difusión dos traxectos e rutas de sendeirismo que xa existen na actualidade no concello de Beariz.
Esta rede de sendeiros contribúe a que os visitantes poidan coñecer os espazos naturais e riqueza histórica e etnográfica do concello mediante un turismo activo e respectuoso co medio.

Roteiro de Magros
A ruta de sendeirismo de Magros conta con 14 quilómetros, que permitirán coñecer os atractivos da Aldea de Magros e facer un percorrido arredor das ladeiras Monte Marcofán que fai de límite polo leste do concello de Beariz. Este Monte é un dos símbolos do concello de Beariz. O roteiro permite gozar de abundantes espazos abertos con vistas panorámicas do concello e pasear pola aldea de Magros coa súa arquitectura popular e o pequeno pero rebuldeiro río.

O nivel técnico da ruta é fácil e conta ademais moi poucos desvíos polo que é fácil orientarse. Só o sol na subida ao castro pode ser o invitado que a faga un pouco máis dura.
Toda a ruta pode realizarse a pé, en bicicleta de montaña, quad ou todoterreo. Podemos exceptuar ao comezo a zona do río. Recomendamos aos usuarios de todoterreos que rodeen aldea seguindo a estrada en dirección contraria a Beariz. Tras uns cincocentos metros, despois de superar o río e a praia fluvial, chégase novamente á ruta, xa totalmente transitable.
O Marcofán é o monte máis característico do concello, moi coñecido por verse dende todas partes e estar no pasado moi ligadoá minería e á cantería.
Esta aldea, ao igual que todo Beariz, está protexida dos húmidos e fortes ventos do suroeste polas montañas da serra do Suído. Aquí o Marcofán tamén a protexe dos fríos ventos do Norte converténdose así nunha zona recollida e de clima relativamente benigno.
Neste caso era unha aldea relacionada, antigamente,á minería e ó artesanado moi intensamente. Na aldea de Magros tamén é na última en que existiron tecedurías do
liño. Con sorte, mesmo é posible que atopemos, ao longo do percorrido as prantas do Liño bravo, cerca de zonas húmidas. Recoñécense moi ben pola súa planta escura e resistente, flores pequenas azuladas e estriadas, con 5 pétalos irregulares con final redondeado. No medio, o pistilo sobresae sendo ao principio de cor claro e azul intenso na punta.
Roteiro de Xirazga
A ruta de Xirazga combina o percorrido por antigas aldeas rodeadas de fragas e terras de labor coa subida a cumios de montes con vistas panorámicas. Este roteiro permite apreciar os vales e aldeas tanto de cerca como de lonxe. De cerca vese e tócanse as pedras das aldeas e árbores das zonas baixas, de lonxe apréciase a forma dos alongados vales que recollen augas dos regatos albiscando as aldeas rodeadas das terras de labor e fragas nas encrucilladas.

Son 16,5 km de roteiro nos que a dificultade técnica é pequena. Require unhas 5 horas e media para percorrela a pé e arredor de dúas horas en bicicleta. Disfrutando do roteiro pola mañá poderás realizar a subida máis longa e soleada nas horas máis frescas do día.
A ruta de sendeirismo é axeitada para facer a pé, en bicicleta de montaña ou mesmo en quad. O 4x4 tamén pode transitar case toda pero no quilómetro 14,5, na aldea de Doade, habería que evitar último tramo que vai por un estreito camiño de carro. A alternativaé rematar a ruta chegando a Xirazga percorrendo o último quilómetro por estrada.
Nas aldeas poderase observar todo tipo de arquitectura tradicional casas antigas, eiras, capelas, cruceiros, muíños, fornos e fontes. As fragas destacan polo protagonismo principalmente dos Carballos pero tamén é doado ver Castiñeiros, Bidueiros e Salgueiros ou mesmo algún Acivro.
Comments