top of page

Un pouco de fabulación

  • Redacción
  • 26 dic 2017
  • 3 Min. de lectura

Enchufemos o noso cerebro, prendamos o botón da imaxinación e poñámonos en modo ON. Agora simplemente deixémonos levar. Pensemos nuns hipotéticos acontecementos que quen sabe se sucederon así ou talvez puideran ter pasado dun xeito parecido.

Retrocedamos no tempo até hai moitísimos anos, milleiros de anos sen dúbida. A xente xa ten organizacións sociais máis ou menos complexas, existen ademais das familias, os clans, as tribus e os pobos. Nesta época vívese do que dá a Natureza e moi vinculados a ela. A maioría dos homes e das mulleres dedícanse a sementar, colleitar ou cazar. Tamén fan outros labores como a construción de vivendas e infraestruturas colectivas ou a fabricación de úteis, ben para o fogar, o traballo ou a ornamentación. Tanto para uns como para outros, as rutinas cotiáns mudan cos cambios de estación. Mesmo cando os ciclos de escaseza son longos prodúcense migracións masivas.

Nesta época, as persoas xa necesitan darlle resposta aos seus descoñecementos e cando non se atopa unha explicación mellor recórrese á maxia e a divinidade, así aparecen os mitos e as relixións. Os sentimentos místicos teñen moito a ver cos fenómenos meteorolóxicos, os astronómicos e a propia Natureza. As variacións tanto climáticas coma de calquera outro tipo que propician mellores colleitas, ou maior caza, son divinizadas e pola contra as que propician disminucións ou mesmo perda das mesmas son tomadas como castigos dos deuses. O sustento depende da época do ano e así a entrada do inverno supón un fin de ciclo e comezo doutro novo. É por isto que o remate do ano convértese nunha festa de agradecemento polas colleitas e o desexo de que o ciclo que comeza sexa tan ventureiro coma o pasado.

E neses tempos imaxinámonos nunha aldea da montaña, na que habitan algo máis dun cento de persoas pertencentes a tres ou catro clans. No día a día os adultos están a traballar cada quen no seu e as nenas e nenos pasan todo o día a enredar. Os que entran na mocidade comezan a imitar aos maiores e os máis cativos teñen un ollo enriba para protexelos e tamén para que non torzan. No lugar non hai moitos nacementos, se cadra un par deles ao ano e sempre son unha ledicia para todos.

A igrexa católica non gusta desas celebracións pagás pero sabe que non pode eliminalas, porque quedaría sen fregueses, e fai como os romanos, decide darlle outra nova reviravolta e celebralas dedicándollas ao nacemento de Cristo.

Segundo pasan os anos, aquel costume ancestral de celebración das colleitas e intercambio de agasallos, vaise adaptando aos lugares e os tempos nos que se vive, agora xa convertido en rito de Nadal. No fondo ven sendo o mesmo e as mudanzas son froito de adaptacións locais, nalgunhas zonas o alimento é carne de cabra, noutras, froitos secos, castañas… Tamén o carbón sustitúe en certos lugares á leña inicial, noutros a madeira pasa a ser un tronco de boa sorte que se queima e as súas cinsas se espallan polas terras sementadas, tamén hai sitios nos que mesmo é unha árbore. Por mor destas mudanzas, a cabra, que comezara sendo alimento, pasa a ser protagonista e personaxe; a leña, tronco, árbore ou carbón, centraliza as celebracións noutros lugares. En fin, cada pobo axeita a si propio e a súa contorna o cerimonial herdado.

Pero os costumes dos pobos son do máis curioso, nunhas zonas mudan en moi pouco tempo e noutras non dan mudado. Algún dos ritos permanece durante centos e centos de anos, mentres outros mudan axiña. Por riba de todo isto, hai persoas que queren controlar aos demais, o que fan e o que pensan e, así, intentan mudar os gustos da xente con trapalladas ou mentiras. Unha das manganchas que fan é dicir que os personaxes míticos que se tiñan por bós e xenerosos, son malos e ruíns, ou que estes costumes son antigos e malos e estes outros son mellores porque son modernos. O malo disto é que ao final acabamos crendo todas estas parvadas malintencionadas.

A globalización actual permítenos coñecer xentes e culturas de moi lonxe, algunhas similares ou afíns a nós e outras moi diferentes. Os pobos sabios e as persoas intelixentes poñen en valor o propio en contraste co dos demais. Entenden ben que perderen unha tradición representa a perda dunha parte da súa identidade como pobo e os pobos que deixan fuxir a súa identidade rematan por desaparecer.

As xentes da montaña, sexan de Europa Central, Escandinavia ou a península Ibérica, adoitan ser máis donas dos seus costumes e estes están máis ligados a os ancestrais. É por iso que as súas adaptacións á contorna ou aos tempos fanse máis amodo e son máis auténticas.

Comments


© 2016 pola Verdade da Terra de Montes created with Wix.com

  • Facebook B&W
  • Twitter B&W
bottom of page