top of page
  • Redacción

A primaveira empeza despois do San Benito de inverno.


Que saiban as negras almas das furias que sempre chega a primaveira. Alenta o tecletear das palabras do noroeste o agarimo da espranza. Se non ¿Nunca choveu que non escampara. ¿ Non è verdá ?. Vaise indo, deixaio ir, vaia embora, o inverno máis negro.

Para celebralo con todos vós, meus queridos poucos lectores, grupo selecto por iso, dei en mudar as vellas luces do solpor polas mañanciñas claras. Un tempo vai, un tempo vén.

Agradecido a todos cantos lles gustou o solpor da Terra de Montes, ogallá tamén vos guste esta mañá en Soutelo de Montes, máis especiada e espesa, máis paxareira.

Preguntaranse, máis dunha ves, se todas as xentes eran de por acolá. Parecíanlles exóticas de máis. Naturalmente que sí. E non só son de por acó, senon que, logo todas, son comúns dabondo, e se non.

Laiáronseme, tamén, de non ver ben os detalles. Nisto tiñan razón, claro. Nesta ocasión, tentarei amañar esta eiva, ensinando anacos recortados do conxunto da montaxe para que teñades uhna visión máis prósima da primaveira que ven e que fun arrimando.

Eu son dos que sempre digo que a primaveira empeza no mes de marzal, que seica non é normativo. Mais, quizais para moitos a forma marzal como nome para o terceiro mes do ano lles resulte máis familiar, incluso máis propia. É o que eu chamo o efecto do Almanaque da Zeltia. Polo menos en Soutelo de Montes, este pequeno libriño que a meus pais llelo regalaban cando compraban sulfato para as patacas, era un grande éxito de lectura. Canta divina vez fun eu recitando refráns e coplellas camiño de Cubilloas para grande alegría da miña aboa, que sempre foi moi afeccionada a relacionar cada época do ano co seu característico feixe de ditados.

Aquela obriña que coido que xa non se publica, utilizaba un galego primario, sen desbravar, inzado de castelanismos e hiperenxebrismos, orientados os seus autores cara a unha linguaxe arbitrariamente rural que idealizaba o galego baixo o folclore dos diminutivos en -iña/o e esa falsidade expresiva que considera que nas aldeas o popular é unha fala moi distanciada do galego estándar. É coma unha perversión do galego de Otero Pedrayo, caricaturizado máis de 50 anos despois da publicación de "Os camiños da vida".

Un dos grandes intentos daquel almanaque era corrixir a lista oficial dos nomes dos meses e propoñer unha lista alternativa: xaneiro, febreiro, marzal, abril, maio, san xoán, santiago, san miguel, outono, san martiño e nadal. Hai un mito que explica que en efecto nos tempos de antes os galegos confeccionaran o calendario en base aos santos máis famosos. É só un mito. En efecto, durante a Idade Media e aínda máis tarde, as datas das principais festas utilizábanse como datas de referencia para contar períodos de tempo: “Entre Santos e Natal, ben chover, mellor nevar”. Este refrán utiliza dúas referencias de día: o 1 de novembro e o 25 de decembro. Tomar a parte polo todo só buscaba ese efecto enxebrista, artificialmente ruralizante.

29 visualizaciones0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo
bottom of page