O lobo
- Redacción
- 1 dic 2016
- 2 Min. de lectura
A fauna que desenvolve a súa vida nos diversos hábitats destas montañas é moi variada. Sen dúbida que a máis numerosa e visíbel é a composta polo grupo das aves, con especies non tan comúns e escasas (como a aguia albela e o bicotorto común ou como a aguia real que esporadicamente voa os ceos da serra). Moitas destas aves viven no hábitat de matogueira dominante nas serras da Terra de Montes (como a papuxa montesa, o chasco, a laverca común, a azulenta, o picanzo vermello ou a tartaraña cincenta) namentres outras ocupan o seu lugar nos espazos forestais (como o azor, o gaio, o gabeador común, o piquelo azul, o ferreiriño subeliño…).
Outros animais como a raposa, o porco bravo e a cabra (corzos) tamén abundan, con mustélidos e outros pequenos carnívoros como a algaria e o gato bravo. Pero se hai un animal carnívoro que sobresaia polo seu significado sobre todos os demais, ese é o lobo (ou o Pardellas como prefiren dicir nalguns sitios para así evitar nomealo).

O lobo leva convivindo cos habitantes destas terras moitos séculos, a modo de exemplo, sinalar que en Soutelo de Montes aínda se conserva “O Carballo do Lobo” e “Camiño do Lobo”. E non é unha convivencia doada e sinxela. Se nun principio os humanos e o lobo tiñan que competir polos mesmos recursos alimentarios (representados polos herbívoros silvestres que pacían pola Dorsal Galega hai miles de anos), a cousa foi a peor cando os habitantes da serra decidiron dar o salto á cría e manexo do gando (o pastoreo libre nos montes, como aínda se practica na actualidade coas bestas e as vacas). A presenza do lobo na Terra de Montes xera tensións tódolos anos cando chega a época de cría dos lobetos, durante a primavera e o verán, intre no que os membros da manda de lobos poñen todo o seu esmero en sacar adiante a familia. Daquela, os exemplares adultos compórtanse tal e como veñen facendo dende sempre, atacan e depredan aos herbívoros presentes na serra. As vítimas máis comúns da cacería son os poldros, que pouco poden facer se están afastados da grea ou acompañados só pola súa nai. O resultado pode ser máis problemático se atacan a xatos, provocando unha perda dunha maior contía económica para os gandeiros. Os lobos tamén depredan sobre outros animais bravos, como o corzo e o porco bravo, polo que o espallamento destes últimos polas serras pode axudar a solucionar o conflito existente entre o lobo e os gandeiros.
Comments