Silva Oscura Aldea Maldita
- Redacción
- 21 dic 2016
- 2 Min. de lectura
O desaparecido pobo de “Silvaoscura”, atópanse nas inmediacións de Soutelo de Montes, que segundo a lenda foi onde se fundou. Na Silvaoscura cóntase da existencia dun pote de ouro agochado (non o busquedes porque xa busquei eu e non atopei nada), da súa orixe moura, ou ca aldea foi abandonada por unhas inundacións, cousa pouco probable para aqueles que coñecemos o Pigueiro.
Eu non creo que fose o lugar onde primeiro se fundou Soutelo de Montes, ao meu entender, hai que ter en conta un avatar histórico de gran transcendencia. Trátase das epidemias de peste producidas dende finais da Idade Media que provocaron a desaparición da metade da poboación europea na epidemia máis mortífera endexamais coñecida pola humanidade.
As distintas epidemias ían seguidas de períodos de carestía de alimentos e fames, agudizando máis as necesidades básicas da poboación. Estas pragas de enfermidade, secas, e fames foron explicadas en termos relixiosos como castigos divinos. E para poder facer fronte a estes azoutes divinos espállanse rapidamente os votos ou promesas de «bo cristián», que se traducen en novas devocións. Unha vez que regresaban os superviventes aos pobos abandonados, estes eran considerados lugares «malditos»; procurarán asentar algún cruceiro, co fin de salvagardarse de posibles supersticións, e evitaren a repetición no sucesivo de tempos pasados.

Pode ser que no caso, dos veciños da Silvaoscura non sobrevivise ninguén e ós veciños de Soutelo fosen menos castigados pola peste, e por iso construísen unha capela na honra de San Roque, e se convertise no patrón do pobo xunto con Santa Bárbara, so temos que lembrar que o noso patrón San Roque era avogado contra peste.
O tempo e a tradición encargaríanse de mitificar os antigos asentamentos, sempre obviando recordar que se trataba dunha zona onde pereceran tódolos seus veciños debido a un castigo divino.
A existencia da aldea de Silvaoscura non é unha lenda xa que aparece na rendención dos foros da aldea de Codesas, documento do 1624, ó convento de Acibeiro.A lembranza de dita aldea está a espera da súa recuperación das silvas e dos toxos que cubren as pedras e así dar testimonio da súa historia e do seu abandono.
Comments