top of page

A vacaloura, escornabois ou cervo voante

  • Redacción
  • 18 abr 2017
  • 3 Min. de lectura

A vacaloura, tamén chamada escornabois ou cervo voante (Lucanus cervus) é un dos insectos que máis pegada deixou na cultura popular galega. A particular apariencia dos machos, cunhas mandíbulas moi desenvolvidas, semellantes a cornos, desatou a imaxinación de moitas xeracións de nenos e maiores do país. Autores como Risco, Cabanillas ou Bouza Brey recolleron cántigas e lendas sobre as supostas propiedades sandables deste insecto. Os máis novos tamén lembrarán a canción de Carmiña Vacaloura que o Maestro Reverendo lle adicou no Xabarín Club.

É, xunto ao capricornio, o escaravello de maior tamaño de Europa

Non en tanto, a actividade forestal e humana das últimas décadas afectou ao seu hábitat e provocou a redución da súa poboación. No 21016 foi declarada “Especie do Ano na Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo“, unha iniciativa que desenvolve o grupoHábitat.

A vacaloura é, xunto ao capricornio (Cerambyx cerdo), o escaravello de maior tamaño de Europa. “Pertence á Familia Lucanidae, que na Península Ibérica consta de 9 especies. En Galicia temos 5, onde esta especie dende logo, é a máis espectacular”, explica Pablo Torrella, conservador do museo da Sociedade Galega de Historia Natural e un dos principais expertos neste insecto.

A vacaloura femia ten un tamaño menor e unhas mandíbulas máis curtas, aínda que tamén fortes.

O gran tamaño das mandíbulas dos machos é, segundo Torrella, unha clara mostra da selección natural que observou Charles Darwin. As vacalouras macho válense das súas mandíbulas para loitar entre elas na procura das femias. Así, “as diferenzas de tamaño de mandíbula son de vital importancia ecolóxica para os exemplares, xa que os que maior tamaño presentan son os que terán maior posibilidade de saír vencedores desas loitas”, sinala o experto. As femias, pola súa banda, teñen unhas mandíbulas moito máis curtas, polo que é sinxelo diferenciar esta especie en canto ao sexo.

Nos ecosistemas galegos, a vacaloura xoga un papel moi importante para contribuír ao “enriquecemento do solo dos bosques e á rexeneración e formación do humus, tanto por medio da súa alimentación como grazas aos seus detritos”, segundo destaca Pablo Torrella. O insecto aliméntase de madeira descomposta de grandes árbores caducifolias (sobre todo carballos e castiñeiros) e, ao tempo, serve de alimento a especies como “as aves nocturnas, os petos carpinteiros, ourizos, teixugos ou raposos”.

O monocultivo de eucalipto e os lumes ameazan a súa supervivencia

Debido á súa alimentación, a deficiente xestión forestal de Galicia tamén afecta á vacaloura. O retroceso das fragas e os lumes comprometen, segundo Torrella, o futuro deste insecto. “As principais ameazas para a especie son a introdución de especies vexetais foráneas, en especial o monocultivo de eucalipto,e a conseguinte desaparición e fragmentación do seu hábitat por estradas con tráfico rodado; os lumes e a obsesiva recollida de madeira ‘morta’ dos bosques co fin de evitar a propagación dos incendios. A nivel ibérico hai constancia de captura de exemplares para a súa venda”, sinala Pablo Torrella.

Así, diferentes organizacións estatais e internacionais sitúan á vacaloura nunha situación comprometida. Segundo explica Torrella, “esta especie está contemplada como de “preocupación menor” no “Atlas y Libro Rojo de los Invertebrados Amenazados de España” publicado pola Dirección General de Medio Natural y Política Forestal do Ministerio de Medio Ambiente”. A Unión Europea recolle á vacaloura no Apéndice III do Convenio de Berna e no Apéndice II (“Especies de Artrópodos de interese comunitario para cuxa conservación é preciso designar zonas especiais de conservación”) da Directiva Hábitats.

Con respecto a Galicia, a SGHN sinala que o insecto está localizado no 38,9% das cuadrículas UTM 10×10, segundo o Atlas e libro vermello de Carabini, Cychrini e Lucanidae de Galicia”, editado pola entidade en 2013.

Pablo Torrella explica que a vacaloura “aínda que non chega a cumprir o rango ou criterio de Vulnerable na Categoría UICN (inventario de carácter mundial sobre o estado de conservación das especies), si podemos sospeitar que é probable que o cumpra nun breve prazo de tempo”.

Ata 5 anos en estado larvario.

O ciclo de vida da vacaloura presenta “unha metamorfose completa (adulto-ovo-larva-pupa-adulto). A fase adulta é a máis curta, xa que apenas viven vinte días, alimentándose do zume dalgúns froitos e das fendas nas codias das árbores. Pola súa duración, destaca a fase larval, na que poden estar entre un ano e máis dun lustro. Nesta etapa é “cando máis alimento consume, “polo que o seu tamaño pode acadar os 10 cm de lonxitude”, sinala Torrella. “A pupación lévase a cabo no interior da madeira, ao pé da árbore, na parte inmediatamente inferior soterrada. Realízana nunha cámara creada pola larva con restos de madeira e pó ou terra. Os adultos nacen en outono, pero non abandonan a cámara pupal ata a chegada do verán, que é cando emerxen en Galicia”, explica o experto da SGHN.

Comments


© 2016 pola Verdade da Terra de Montes created with Wix.com

  • Facebook B&W
  • Twitter B&W
bottom of page