top of page
  • Foto del escritorRedacción

Compostaxe caseira e comunitaria

Un dos problemas máis importantes que a administración ten que enfrontar, tanto dende o punto de vista ambiental como económico, é a xestión dos residuos sólidos urbanos (RSU). É dicir, o lixo. 

A estrutura territorial da maioría dos Concellos galegos e a súa dispersión poboacional en núcleos de poucas vivendas, obriga a unha cuantiosa inversión económica se se quere dar unha resposta axeitada ao problema. O número de camións de recollida e os km que teñen que percorrer encarece dun xeito importante todo o proceso. Asemade, os custos de xestión por tonelada de lixo segue unha liña ascendente dende hai varios anos. Por isto, calquera medida que supoña unha redución do volume de lixo ten inmediatos beneficios medioambientais e económicos. 


Na Terra de Montes, por un lado o concello de Beariz está adherido o plan da Deputación de Ourense e Cerdedo o plan de compostaxe de Sogama. De Forcarei ainda non sabemos nada. Algo máis da metade do lixo xerado na nosa sociedade é materia orgánica fermentábel, é dicir, residuos procedentes da limpeza de hortalizas e plantas , restos de comidas, e céspede ou herba do xardín. Trátase da fracción húmida do lixo, medio millón de toneladas anuais en Galiza, a razón de medio kilo por persoa e día. É a fracción de lixo máis limpa, libre en orixe de substancias tóxicas, e que pode ser reciclada enteiramente mediante procesos naturais.   Tradicionalmente téñense aproveitado os residuos orgánicos no rural para alimentar o gando e para abono, reflectindo un estilo de vida autosuficiente. Esta é unha práctica que hai que recuperar e difundir polas súas enormes vantaxes medioambientais, sendo un exemplo paradigmático da aplicación dos principios da reciclaxe e a reutilización. 

A finalidade deste programa de educación ambiental é divulgar a compostaxe como método de tratamento dos residuos orgánicos a pequena escala no propio fogar ou no barrio subministrando os coñecementos prácticos e o asesoramento individualizado preciso para mellorar esta práctica, consolidándoa como unha alternativa ecolóxica e de futuro.


¿Como funciona un programa de compostaxe doméstica nun concello?

O programa de compostaxe ten unha duración prevista de sete meses coincidindo co tempo que tardan os residuos orgánicos en transformarse en compost, así podemos facer un seguimento de todo o proceso.

Na fase inicial os e as participantes asisten a unha charla formativa sobre a xestión dos residuos e o funcionamento da compostaxe, ao remate levan para as súas casas un composteiro e un manual de compostaxe Unha vez instalado o composteiro nas vivendas, como este é un programa de acompañamento domiciliario, recibirán tres visitas que servirán para resolver dúbidas e observar o proceso, observaremos diferentes parámetros como a temperatura, humidade, presenza de impropios e se a mestura de residuos é axeitada para o correcto funcionamento. Nun número reducido de casos extraese unha mostra para analisar a concentración de metais pesados que determinará a calidade do compost. É salientable que até o momento sempre se obtivo compost de calidade excelente, isto é debido á boa separación da materia orgánica en orixe. Por ultimo, os e as participantes avalían o programa mediante unha enquisa sobre os diferentes aspectos sociais e comunicativos da campaña


¿E a compostaxe comunitaria?

A estrutura do proxecto é similar ao programa de compostaxe doméstica coa diferenza que neste caso o composteiro é de maior dimensión e está instalado nunha zona pública ou común do concello, dando servizo a varias vivendas. Este proxecto require certa cohesión social para o seu bo funcionamento O papel da educación ambiental na xestión do medio debe ter como fin último modificar a xestión, facéndoa participativa e converténdoa nun proceso de aprendizaxe permanente. A integración destas dúas cuestións nos programas de compostaxe reforza este obxectivo. Por outra banda, estamos diante dun proxecto de educación ambiental comunitaria, xa que a súa aplicación pretende dar solución a un problema ambiental local, ao nivel do concello, barrio ou aldea, facendo uso dos recursos da comunidade, recuperando o seu saber ambiental e promovendo a súa autonomía.

36 visualizaciones0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo
bottom of page